As revolucións árabes son movementos populares que traeran transformacións radicais*

* Entrevista realizada por Judit Perdix, activista do Xanela, en xullo pasado en Tanxer a Boucker El Khamlichi, activista marroqui e lider de Athawassoul. Revisión de Anair Rodríguez.

Amarante.- Todo o mundo occidental fala das revolucións árabes e a sorpresa que supuxo, está de acordo en que son revolucións e que foron unha sorpresa visto desde un país como Marrocos?

 

Khamlichi.- É verdade que ninguén esperaba isto, o mundo árabe vivía unha situación de desesperación, de crise, de falta de perspectivas e, resulta que dentro do proceso das revolucións do mundo árabe, existían “terremotos” sociais dentro, resultado de décadas de represión de inxustizas, e entón comezaron as revolucións árabes. Se ¿son revolucións? Son movementos do pobo e transformacións radicais, podémolas comparar á Revolución Francesa, á Revolución Industrial, xa que os sistemas árabes son patriarcais, a herdanza feudal, aínda que con revolucións tecnolóxicas, a nivel de sistemas son anticuados, a forma de gobernar é de hai medio século, como nos séculos da Idade Media. O máis importante aquí é que estas revolucións demostraron as relacións entre os pobos árabes, con pactos de todos os países, de todos os pobos árabes, aínda que de formas diferentes.

 

Amarante.- Por que foi posible? E por que agora?

 

Khamlichi.- Ben, os momentos revolucionarios é moi difícil predicir cando se van producir, ninguén esperaba isto. É coma un volcán que está acumulado dentro da terra e nun momento dado estoupa, todos saben que está aí pero ninguén sabe cando vai saír. Algúns factores poden ser ficticios, pero outros moitos son certos. Aínda que ninguén esperaba isto, o importante é que dentro das sociedades árabes existían xa as condicións necesarias, ninguén esperaba as revolucións con tanta pacificación popular, sempre é moi difícil de esperar isto, desta forma tan organizada. Tamén hai que dicir que o que máis favoreceu isto é a tecnoloxía, a forma de comunicarse agora é mais doado que noutras épocas. Hai anos isto sería máis complicado, o mesmo que as revolucións industriais.

 

 Amarante.- Pódese dicir que hai similitudes entre todas as revoltas e protestas de todos os países?

Khamlichi.- As formas son diferentes; as revolucións de América Latina déronse estas últimas décadas coa chegada ao poder da esquerda, con movementos sociais moi importantes. As formas cambian, aínda que no contido poden ser un pouco as mesmas á revolución francesa. Tamén as de América Latina para reivindicar a democracia, pero comparámonos máis coa francesa, coa instauración da democracia e o Estado de dereito.

 

Amarante.- O efecto de euforia e contaxio foi claro, pero cales son as características, demandas e contexto concreto en Marrocos?

Khamlichi.- En Marrocos de momento son diferentes de Tunisia, Exipto, onde o principal é o cambio de réxime. Aquí búscase unha constitución democrática contra a loita da corrupción, contra todos os instrumentos de gobernación que foron acumulados durante séculos, esíxese a fin destes instrumentos e ter un estado moderno, sen nada de dominación e de inxustizas. O mais importante é o artigo 19, que dá todos os poderes, poderes xurídicos, lexislativos e executivos, os 3 poderes. Esíxese este artigo, onde o Estado dá o poder ao pobo, onde o poder do rei pode ser como o de Xoán Carlos en España, a fin dos subornos, unha forma de gobernar mellor para construír un Estado moderno de dereito, eliminar as presións económicas, ter dereito ao traballo, ás reivindicacións sociais…, pero o máis importante son as liberdades e a dignidade do cidadán marroquí.

 

Amarante.- Quen son os manifestantes do 20 F e as sucesivas manifestacións?

Khamlichi.- Os compoñentes do 20F, especialmente é a forza das mozas apoiada por varios partidos de dereitos humanos, por sindicatos que apoian estas reivindicacións, compostos pola mocidade, axudados por aquelas forzas de dereitos humanos, movementos da esquerda radical, polo Partido Socialista Unificado, o Partido do Congreso Socialista, a Asociación dos Dereitos Humanos, movementos de parados, compoñentes islamitas, como tamén a xustiza e a caridade e algunhas outras características islamitas que apoian este movemento, logo están outros de dereitas que están no goberno e están contra estes cambios.

 

Amarante.- cales son as principais demandas?

 

Khamlichi.- As de antes… O cambio democrático, un estado de dereito, a xustiza, as liberdades, a dignidade humana…

 

Amarante.- Hai algún risco de que poida ser controlada por algún partido ou corrente tanto política como relixiosa?

Khamlichi.- Ben, esta cuestión está un pouco á marxe, o que interesa son os cambios, que haxa outra dinámica na sociedade, quen vai beneficiarse disto é o pobo, é quen decidirá quen traballou mellor, nun Estado democrático non hai que ter medo de quen sae elixido. Por exemplo, en Europa hai democracia e pódeche saír o PP ou o PSOE, pero o importante é que hai un Estado democrático, polo voto do pobo, e este darao segundo a súa conciencia, que o decida o pobo. Como en Europa ter medo de quen vai vir ou non non é o principal, é o pobo quen ten a última palabra, o responsable desta decisión é o pobo. Quen vai aproveitar estes cambios non é o importante, o principal é o voto destas persoas, que lle dan un día o poder e quítanllo outro día.

 

Amarante.- Ve viable ese cambio? Que ou quen poden evitar que se produza? As detencións e as represións xa empezaron, o tecido asociativo en Marrocos é débil, temen unha volta atrás á época de Hassan II ou xa estamos noutro momento histórico?

Khamlichi.- Os movementos non son nin febles nin fortes, Marrocos sempre foi unha sociedade de revoltas; os dereitos humanos, os parados, o aumento de prezos, os movementos sociais foron importantes aquí. O ter medo, ninguén pode asegurarse, a dirección depende das loitas, das alianzas que se fan, da capacidade da mocidade de xestionar este movemento.

No mes de maio houbo 2 semanas de detencións, o 22 de maio e o 29 maio, estas foron fortes, pero coa presión, coa resistencia do pobo púidose resistir a estas detencións, agora estamos en proceso, 30 persoas que aínda están en proceso, coa presión internacional volveremos ás masas pacificas, un momento para a represión do Estado. O período de Hasan II é da guerra fría, e agora é diferente, xa non hai volta atrás, todo o que se conseguiu durante este tempo, nos tempos mesmos de Hasan, son logros de democracia relativa e aínda que sexa feble é difícil volver. Aínda que claro, que as ditaduras poden darse.

 

Amarante.- Cales poderían ser os pasos que se necesitan para que todas estas mobilizacións dean o seu froito?

Khamlichi.- Vouche pór o exemplo de Tánxer, xa que se considera un dos movementos máis fortes do 20 F de Marrocos, coas manifestacións máis importantes, coas resistencias máis fortes, aquí construíuse un movemento de mozos con bastante madurez e con coalicións moi ben xestionadas, e tamén unha relación co movemento 20 F e o apoio, unha relación moi forte, democrática e participativa, traballouse moito nos barrios.

O máis importante é traballar co pobo, que os mozos son a base deste movemento, o máis importante é que o pobo estea aí, movementos dalgúns mozos e, en Tánxer conseguiuse, traballar moi ben nos barrios, eu creo en que o pobo participe, que adopte unha postura, que loite por estas manifestacións, que loite por estas alianzas, a cooperación, a colaboración, dentro do movemento 20F e a coordinadora para que poidamos ir adiante.

 

Amarante.- Hai algunha forza política, movemento, que poida aglutinar toda esta demanda popular?

Khamlichi.- Non creo que haxa unha, é traballo de varias forzas, isto é o traballo do pobo, se se aglutina entón é o fracaso total. Pode haber algún máis importante, pero en cada localidade hai movementos diferentes, en cada localidade destacaría unha forza diferente. É a resposta á anterior pregunta, este movemento debe adoptalo o pobo, soamente dende algúns grupos non podería funcionar.

0 Response to “As revolucións árabes son movementos populares que traeran transformacións radicais*”


  • No Comments

Leave a Reply

You must login to post a comment.