Declaración da asemblea de movementos sociais do FSM Dakar’11

Nós, reunidos e reunidas na Asemblea de Movementos Sociais, realizada en Dakar durante o Foro Social Mundial 2011, afirmamos a achega fundamental de África e dos seus pobos na construción da civilización humana. Xuntos, os pobos de todos os continentes, libramos loitas onde nos opomos con grande enerxía á dominación do capital, que se agacha detrás da promesa de progreso económico do capitalismo e da aparente estabilidade política. A descolonización dos pobos oprimidos é un gran reto para os movementos sociais do mundo enteiro.


Afirmamos o noso apoio e solidariedade activa aos pobos de Tunisia e Exipto e do mundo árabe que se erguen hoxe para reivindicar unha real democracia e construír poder popular. Coas súas loitas, mostran o camiño a outro mundo, libre da opresión e da explotación.


Reafirmamos con forza o noso apoio aos pobos de Costa do Marfil, de África e de todo o mundo na súa loita por unha democracia soberana e participativa. Defendemos o dereito á autodeterminación e os dereitos colectivos de todos os pobos do mundo.


No proceso do FSM, a Asemblea de Movementos Sociais é o espazo onde nos reunimos desde a nosa diversidade para xuntos e xuntas construír axendas e loitas comúns contra o capitalismo, o patriarcado, o racismo e todo tipo de discriminación.

En Dakar celebramos os 10 anos do primeiro FSM, realizado en 2001 en Porto Alegre, Brasil. Neste período construímos unha historia e un traballo común que permitiu algúns avances, particularmente en América Latina onde logramos frear alianzas neoliberais e concretar alternativas para un desenvolvemento socialmente xusto e respectuoso coa Nai Terra.


Nestes 10 anos vimos tamén a eclosión dunha crise sistémica, expresada na crise alimentar, ambiental, financeira e económica, que resultou no aumento das migracións e desprazamentos forzados, da explotación, do endebedamento e das desigualdades sociais.

Denunciamos o rol dos axentes do sistema (bancos, transnacionais, conglomerados mediáticos, institucións internacionais, etc.), que, en procura do máximo lucro, manteñen con diversos rostros a súa política intervencionista a través de guerras, ocupacións militares, supostas misións de axuda humanitaria, creación de bases militares, saqueo dos recursos naturais, a explotación dos pobos, e manipulación ideolóxica. Denunciamos tamén a cooptación que estes axentes exercen a través de financiamentos de sectores sociais do seu interese e as súas prácticas asistencialistas que xeran dependencia.


O capitalismo destrúe a vida cotiá da xente. Pero cada día agroman múltiples loitas pola xustiza social, para eliminar os efectos que deixou o colonialismo e para que todos e todas teñamos unha digna calidade de vida. Afirmamos que os pobos non debemos seguir a pagar por esta crise sistémica e que non hai saída á crise dentro do sistema capitalista!


Reafirmando a necesidade de construír unha estratexia común de loita contra o capitalismo, nós, movementos sociais:


Loitamos contra as transnacionais porque sosteñen o sistema capitalista, privatizan a vida, os servizos públicos, e os bens comúns, como a auga, o aire, a terra, as sementes e os recursos minerais. As transnacionais promoven as guerras a través da contratación de empresas militares privadas e mercenarios, e da produción de armamentos, reproducen prácticas extractivistas insustentábeis para a vida, acaparan as nosas terras e desenvolven alimentos transxénicos que nos quitan aos pobos o dereito á alimentación e eliminan a biodiversidade.

Esiximos a soberanía dos pobos na definición do noso modo de vida. Esiximos políticas que protexan as producións locais que dignifiquen as prácticas no campo e conserven os valores ancestrais da vida. Denunciamos os tratados neoliberais de libre comercio e esiximos a libre circulación de seres humanos.

Seguimos a nos mobilizar pola cancelación incondicional da débeda pública de todos os países do Sur. Denunciamos igualmente, nos países do Norte, a utilización da débeda pública para impor aos pobos políticas inxustas e antisociais.

Mobilicémonos masivamente durante as xuntanzas do G8 e G20 para dicir non ás políticas que nos tratan como mercadorías!


Loitamos pola xustiza climática e a soberanía alimentar. O arrequecemento global é resultado do sistema capitalista de produción, distribución e consumo. As transnacionais, as institucións financeiras internacionais e gobernos ao seu servizo non queren reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro. Denunciamos o “capitalismo verde” e rexeitamos as falsas solucións á crise climática como os agrocombustíbeis, os transxénicos e os mecanismos de mercado de carbono, como os REDD, que ilusionan a poboacións empobrecidas co progreso, mentres privatizan e mercantilizan os bosques e territorios onde viviron milleiros de anos.

Defendemos a soberanía alimentaria e o acordo alcanzado no Cume dos Pobos Contra a Mudanza Climática e polos Dereitos da Nai Terra, realizada en Cochabamba, onde verdadeiras alternativas á crise climática foron construídas con movementos e organizacións sociais e populares de todo o mundo.


Mobilicémonos todas e todos, especialmente o continente africano, durante a COP-17 en Durban, Sudáfrica, e a Río+20, en 2012, para reafirmar os dereitos dos pobos e da Nai Terra e frear o ilexítimo acordo de Cancún.


Defendemos a agricultura labrega que é unha solución real á crise alimentar e climática e significa tamén acceso á terra para a xente que a vive e a a traballa. Por iso chamamos a unha gran mobilización para frear o acaparamento de terras e apoiar as loitas campesiñas locais.


Loitamos contra a violencia cara á muller que é exercida con regularidade nos territorios ocupados militarmente, pero tamén contra a violencia que sofren as mulleres cando son criminalizadas por participar activamente nas loitas sociais. Loitamos contra a violencia doméstica e sexual que é exercida sobre elas cando son consideradas como obxectos ou mercadorías, cando a soberanía sobre os seus corpos e a súa espiritualidade non é recoñecida. Loitamos contra o tráfico de mulleres, nenas e nenos.


Defendemos a diversidade sexual, o dereito a autodeterminación de xénero, e loitamos contra a homofobia e a violencia sexista.


Mobilicémonos todos e todas, unidos e unidas, en todas as partes do mundo contra a violencia cara á muller.


Loitamos pola paz e contra a guerra, o colonialismo, as ocupacións e a militarización dos nosos territorios. As potencias imperialistas utilizan as bases militares para fomentar conflitos, controlar e saquear os recursos naturais, e promover iniciativas antidemocráticas como fixeron co golpe de estado en Honduras e coa ocupación militar en Haití. Promoven guerras e conflitos como fan en Afganistán, Iraq, a República Democrática do Congo e en outros paises.


Intensifiquemos a loita contra a represión dos pobos e a criminalización da protesta e fortalezamos ferramentas de solidariedade entre os pobos como o movemento global de boicot, desinvestimentos e sancións cara a Israel. A nosa loita diríxese tamén contra a OTAN e pola eliminación de todas as armas nucleares.

Cada unha destas loitas implica unha batalla de ideas, na que non poderemos avanzar sen democratizar a comunicación. Afirmamos que é posíbel construír unha integración doutro tipo, a partir do pobo e para os pobos e coa participación fundamental dos mozos e mozas, das mulleres, dos labregos e das labregas e dos pobos orixinarios.


A asemblea de movementos sociais convoca a forzas e actores populares de todos os países a desenvolver dúas accións de mobilización, coordinadas a nivel mundial, para contribuír á emancipación e autodeterminación dos nosos pobos e para reforzar a loita contra o capitalismo.


Inspirados nas loitas do pobo de Tunisia e Exipto, chamamos a que o 20 de marzo sexa un día mundial de solidariedade co levantamento do pobo árabe e africano que nas súas conquistas contribúen ás loitas de todos os pobos: a resistencia do pobo palestino e saharaui, as mobilizacións europeas, asiáticas e africanas contra a débeda e o axustamento estrutural e todos os procesos de cambio que se constrúen en América Latina.


Convocamos igualmente a un día de acción global contra o capitalismo o 12 de outubro onde, de todos os xeitos posíbeis, rexeitaremos ese sistema que esnaquiza todo ao seu paso.


Movementos sociais de todo o mundo, avancemos cara á unidade a nivel mundial para derrotar ao sistema capitalista!

 

Venceremos!

0 Response to “Declaración da asemblea de movementos sociais do FSM Dakar’11”


  • No Comments

Leave a Reply

You must login to post a comment.