Uns obxectivos non tan nobres

No ano 2000 a asemblea de Nacións Unidas subscribiu os chamados Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, un conxunto de metas globais de loita contra a pobreza no mundo. Até agora, esas metas seguen sendo moi afastadas e os prazos impostos para acabar coa fame están moi lonxe de cumprirse. Moitas voces reclamaron ao longo deste tempo o cumprimento dese plan, pero poucos analizaron o contido deses obxectivos supostamente tan nobres.

O congolés Mbuyi Kabunda, profesor de Relacións Internacionais da Universidade de Basilea (Suíza) e membro do Instituto de Estudos Africanos da Universidade Autónoma de Madrid, pronunciou unha conferencia na que ofreceu unha visión moi distinta desta iniciativa na súa conferencia titulada “Que hai detrás dos Obxectivos do Milenio? Efectos e perspectivas da poboación africana “.

Kabunda sinalou que a parte positiva destes obxectivos é que “por primeira vez colócase a dimensión humana no debate sobre do desenvolvemento e con prazos”, pero ao mesmo tempo denunciou que “os donos da globalización están instrumentalizando estes obxectivos para impor o neoliberalismo nos países pobres”. O profesor congolés destaca que se deixou de falar de subdesenvolvemento para falar só de pobreza, “pero é o subdesenvolvemento o que causa a pobreza e hai que conseguir acabar co subdesenvolvemento para rematar coa fame e a miseria”.

Así, a base destes obxectivos, segundo Mbuyi Kabunda, céntrase en dar máis poder ao sector privado, ás multinacionais, e /adelgazar /cada vez máis o papel do Estado. “É moi paradoxal que se considere que o sector privado é o que vai acabar coa fame, estender a educación básica, conseguir a igualdade de xénero, terminar coa mortalidade maternoinfantil ou coa extensión do VIH. É como pedir ao raposo que garde as galiñas”. Ademais, segundo destacou o conferenciante, dentro deses obxectivos “esquecéronse de asuntos tan importantes como a xustiza social, o comercio xusto, os problemas ambientais ou o emprego”.

Estes obxectivos tamén eludiron, afirma Mbuyi Kabunda, as causas estruturais e históricas da pobreza e o subdesenvolvemento, que teñen moito que ver coa explotación dos países pobres por parte dos ricos. Así, “o obxectivo oitavo fala de conseguir unha débeda viable, sustentable a longo prazo, e desenvolver un sistema comercial e financeiro aberto, pero trátase dunha trampa pola que se obriga aos países pobres a aplicar políticas neoliberais e a cambio se lles condona un 10% da débeda, algo inapreciable”.

Kabunda resalta que “o pecado orixinal dos Obxectivos do Milenio é que foron conceptualizados en 1996 no seo da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), que agrupa aos países máis ricos. É curioso que se fale de mellorar a vida dos países pobres pero sen contar con eles”.

Por iso, este profesor propón medidas alternativas ao plan da ONU: “Deixar aos países pobres atopar solucións aos seus propios problemas, non imporlles medidas paternalistas, permitirlles que poñan o desenvolvemento económico ao servizo do social, acabar coas políticas comerciais perversas (proteccionismo dos países ricos e liberalización dos pobres)”. Ademais, Kabunda reclama a cancelación do 100% da débeda, “que é ilegal e ilexítima e provén de anos de explotación dos países do Norte aos do Sur”. Así mesmo, pide aos países ricos que dediquen o 0,7% do PIB ao desenvolvemento, “un compromiso adquirido hai 30 anos e que non cumpriron”.

Fonte: Artigo adaptado de Ana Romero para o Diario de Córdoba (21-10-2006)

0 Response to “Uns obxectivos non tan nobres”


  • No Comments

Leave a Reply

You must login to post a comment.