BARULLO DE IDEAS …para un comercio verdadeiramente xusto

Alicia Ares Vilar. Participante nas Xornadas de Dereitos Humanos e Laborais. Novas iniciativas na súa defensa, organizado por Amarante e a USC en Abril deste ano.

Teño pouco
E teño moito.
(E. J. Malinowski)

Documentándome un pouco, co pretexto de facer esta memoria do Curso de Dereitos Humanos Laborais, chamoume a atención a progresión do comercio xusto en Galicia: o gasto medio por cada 1000 habitantes pasou de 98,50 a 482,80 euros, supoñendo unha subida do 390,19 %. Mais, como debemos tomar esta noticia? Supón un avance ou retroceso de principios?

Está claro que, a priori, é unha magnífica noticia. De feito, Galicia é a nación que máis medrou dentro do estado español; aínda que estamos moi lonxe de acadar niveis europeos como poden ser os de Alemaña ou Reino Unido. Isto significa unha maior concienciación da sociedade na política de dereitos humanos, e mirado dunha forma máis práctica: cartos que se gastan no comercio xusto deixan de ser gastados en mans do sistema financeiro actual… Ou ao mellor non?

Cicais, esteamos a ser vítimas dun consumismo que nos devora e simplemente dános igual onde gastar os nosos cartos, se en comercio xusto ou non xusto, ou sinxelamente non sexamos máis que produto dunha moda (o mecanismo de transmisión do capitalismo).

Ademais disto plantéxaseme unha dúbida máis filosófica: a onde queremos ir? Que finalidade temos? Porque en numerosos estudos e artigos que lin dá a sensación de que o importante é chegar a equipararnos a mercados existentes. Realmente querémonos pór á súa altura algún día? É ese o obxetivo?

Ata que punto é coherente vender produtos de comercio xusto nun hipermercado? Por un lado é un acto normalizador e de gran difusión para as masas, mais lembremos que ese paquete de chocolate xusto estará “xusto” ao lado dun que foi producido sen a menor garantía. Ao meu parecer, a nosa presenza en Alcampo, por exemplo, é darlle lexitimidade, entrar no seu xogo, na súa maneira de ve-lo mundo e no reparto de riqueza que eles propoñen. Porén, iso sinxelamente nos converte en cómplices. Polo menos no eido ético e moral. Unha das premisas do comercio sustentábel é que a cadea de traballadores sexa tratada dignamente, no tocante a soldo, dereitos, seguridade… Pensará o mesmo a caixeira ou a repoñedora de Alcampo? E digo caixeir-a e repoñedor-a (a súa percepción salarial difire da dos compañeiros, pois o patriarcado está á orde do día).

Toda esta tormenta de ideas vén dada tan só para facerme unha pregunta: queremos se-la alternativa ou o substituto do xa existente?

0 Response to “BARULLO DE IDEAS …para un comercio verdadeiramente xusto”


  • No Comments

Leave a Reply

You must login to post a comment.