O 9 de maio AMARANTE SETEM únese ó Día Mundial do Comercio Xusto que se centra nas inxustizas do téxtil

volantina “Tira do fío” é a lema do Día Mundial do Comercio Xusto que se celebrará o vindeiro sábado 9 de maio en AMARANTE SETEM en Pontevedra. A xornada destacará as inxustizas que esconde a elaboración de artigos téxtiles, un sector moi potente economicamente -só en España cada persoa gasta ao ano 437 euros en roupa- e que exemplifica de xeito claro as consecuencias negativas da globalización e no que se producen numerosas violacións de Dereitos Humanos.

En Pontevedra, a celebración consistirá en visibilizar as inxustizas do téxtil e amosar que existen alternativas a un modelo tan explotador como insustentable. Para iso desde o 9 de maio -día da inauguración- e durante unha semana contaremos na tenda de AMARANTE unha mostra de roupa feita con criterios de comercio xusto, ecolóxico, local, reutilización e economía social. Onde as persoas que compren roupa gozarán de estupendos descontos promocionais.

A cidadanía poderá ver unha pequena mostra de iniciativas que se afastan da roupa producida non só baixo condicións de explotación senón do modelo de usar e tirar, utilizando materiais contaminantes ou de moi baixa calidade. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), só entre os anos 2010 e 2011, tiráronse 745 toneladas de roupa e residuos téxtiles en Galicia.

ACTIVIDADES:

Maio do 9 ao 16 na tenda de AMARANTE (r/San Román, 09): contaremos coas seguintes iniciativas:

Feita en organizacións de comercio xusto da India e de Nepal: vestidos de algodón ecolóxico, camisas e pantalóns de algodón e seda

Feita en Galicia:

- Rodopio de Santiago: roupa con fibras naturais e residuos téxtiles de forma artesanal para nenos/as de 0 a 7 anos

- A Cestola na Cachola de Lalin: cooperativa que deseña e fai camisetas con algodón e tinguiduras ecolóxicas

- O Tatán de Ourense: deseños de roupa para muller todo en ecolóxico e/ou reutilizados

- Boa Vida de Pontevedra: asociación de inserción de persoas en risco de exclusión con roupa de segunda man.

Tamén proxectaremos vídeos documentais sobre organizacións do Sur que elaborasen a roupa que estará exposta durante toda a semana

En xuño contaremos cunha 2º actividade: a mediados de xuño traballadoras de Marrocos estarán en Galicia para visibilizar e denunciar as condicións de millóns de mulleres que traballan en condicións de explotación no sector téxtil, e contarán a situación en Marrocos sobre a ausencia de dereitos sindicais e laborais e a súa demanda sobre salarios dignos.

Aínda que Marrocos é un dos principais subministradores de roupa das marcas europeas, a industria téxtil global concéntrase principalmente en China, India e Bangladesh.

Así unha traballadora do téxtil caracterízase por ser unha muller asiática, nova, que traballa entre 12 e 14 horas diarias é o perfil tipo de quen confeccionan case toda a roupa que levamos. Os soldos baixos e a feminización caracterizan este sector. Bangladesh ostenta o triste record á baixa: o salario mínimo é de 50 euros, mesmo tras a subida dun 77% producida tras o derrubamento do edificio Ra Praza, no que faleceron 1138 persoas e máis de 1500 resultaron feridas. A estes soldos que non cobren as necesidades básicas, únese a brecha salarial entre homes e mulleres, especialmente marcada na confección, onde o 80% dos traballadores son mulleres.

A explotación laboral infantil está presente ao longo de toda a cadea de produción. A pesar de que se reduciu, en India na recollida de algodón participaron case 400.000 menores na campaña de 2010. A metade tiña menos de 14 anos. Xornadas extensas, condicións laborais inhumanas e perigosas ou a ausencia de sindicatos legalmente constituídos son outras das realidades deste sector, que move cada día 34.000 millóns de euros só en Europa.

Na actualidade, o téxtil de Comercio Xusto é pouco representativo tanto en volume de produción como en vendas. No cultivo do algodón “xusto” traballan 73.400 persoas, unha cifra pequena comparada cos case 100 millóns de familias que cultivan esta materia prima. Con todo, cualitativamente é moi significativo para estas persoas xa que teñen garantidas unhas condicións de vida digna.

O Día Mundial do Comercio Xusto no noso país foi promovido pola Coordinadora Estatal de Comercio Xusto e conta con financiamento da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento. www.comerciojusto.org.

You may also like...